COMPOSTA INDIVIDUAL
É a opción máis axeitada se vives nunha casa con espazo para colocar un pequeno composteiro individual. Nel poderás depositar os residuos orgánicos que se xeren diariamente e así compostar. O compost que vas obter servirache para distintas aplicacións, en función do grao de madurez que alcance.
Como FUNCIONA
Se nunca compostaches non te preocupes, ese non vai ser impedimento para comezar agora. O primeiro que debes facer é adherirte a Composta individual cubrindo esta ficha. Lembra que é un programa gratuíto.
E xa está. A continuación recibirás o teu composteiro invidual, e un mestre/a composteiro/a ofrecerache toda a información e o asesoramento técnico que precises para que, en pouco tempo, obteñas o teu primeiro compost.
CHARLAS informativas
Ademais, desde o Concello de maneira regular organízanse charlas en espazos públicos das parroquias de Pontevedra. Os encontros fanse en centros culturais ou casas do pobo. Neles os/as mestres/as composteiros/as ofrecen aos participantes unha información e asesoramento completo, ademais de resolver as dúbidas que poidan xurdir sobre o proceso de compostaxe e o uso dos composteiros individuais.
Como ves o procedemento é moi sinxelo, cómodo, ecolóxico e de balde.
Grazas a este xesto contribúes a coidar o medio ambiente.
Como COMPOSTO?
Para obter un bo compost é preciso mesturar os biorresiduos: frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos ( como as pólas trituradas ou partidas, follas secas…). Estes restos secos funcionan como estruturante.
Pasos a seguir
1
Así que teñas instalado o composteiro, no fondo debes poñer unha base ou cama de material de tipo leñoso e seco (o estruturante do que falabamos antes, que se prepara cos restos secos de orixe vexetal). Esta capa debe ter uns 10 centímetros de alto no fondo do composteiro. A súa función será a de facilitar a aireación e a entrada de microorganismos no mesmo.
2
A continuación podes ir introducindo o resto do material en función das necesidades, claro. Aconsellámosche que, cada vez que aportes material fresco (os restos orgánicos de alimentos e vexetais) poñas tamén material seco. Así manterase a humidade, ademais de permitir a circulación de aire no composteiro.
3
Cada vez que introduzas material novo é preciso que remexas os restos. Mestúraos coa capa de material inmediatamente inferior e tapa logo todo co estruturante. É moi recomendable facer remexidos profundos cada dúas ou tres semanas polo menos. Así homoxenízase o material e prevense a aparición de problemas nas partes fondas.
4
Tamén é necesario que comprobes a humidade do material cando fagas os volteos profundos, e regar ou engadir restos secos en función das necesidades que vaia tendo o compost.
Descoida, este procedemento non é complicado e sempre vas ter o asesoramento do teu mestre/a composteiro/a para facelo.
APOIO TÉCNICO
O Concello pon a túa disposición un plantel profesional que presta ese soporte técnico.
As mestras e mestres composteiros son especialistas que ofrecen apoio ás persoas que realizan a compostaxe individual. Tamén atenden calquera incidencia que se presente nos centros de compostaxe comunitario.
Se tés calquera dúbida sobre compostaxe durante o proceso, poderás poñerte en contacto co teu mestre ou mestra composteira. Outras formas de contacto son enviar un correo electrónico a compostaxe@pontevedra.gal ou chamar ao teléfono 986 804 300 Ext. 7570.
FORMULARIO DE PARTICIPACIÓN
SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA MUNICIPAL DE COMPOSTAXE DO CONCELLO DE PONTEVEDRA
A persoa que asina como representante da unidade familiar, manifesta o seu interese en participar activamente na compostaxe de residuos orgánicos domésticos separados previamente no seu domicilio e así contribuír do xeito máis eficaz á sustentabilidade ambiental mediante a utilización do centro comunitario de compostaxe situado nas proximidades do seu enderezo habitual.